O Blog de Lucía Ferro
Os que desexan un algoritmo nas súas RRSS fano porque non saben soñar.

Controlar o teu algoritmo, iso ao que chaman vontade, é unha responsabilidade que a maioría non quere. É moito máis fácil mirar a pantalla e esperar a que te alimenten con contido variado, rápido e cheo de emocións fortes.

Decidir que facer no día a día, e na vida, tampouco é apetecible. Para a nosa comodidade temos a relixión e a publicidade que xa nos responde a iso de “dime que teño que facer para que me acepten sexa como sexa”. Resulta terrorífico pensar en facerse un camiño propio posto que un non sabe se dando eses pasos chegará a un lar acolledor ou a un abismo de incerteza. Seguramente, tomando unha ruta alternativa non che quede outra que cruzar ese abismo antes de poder chegar a un fogar.

Éche así a vía do pensador independente. Escura, chea de preguntas, inseguridades... Porén tamén alberga un inmenso espazo para os soños, para as utopías que coa perseveranza chegan a realizarse. Os que desexan a comodidade dun algoritmo que os entreteña fai tempo que se negan a soñar. Temen imaxinar un mundo novo e non ser capaces de alcanzalo.

Somos unha sociedade infantilizada. Dino os expertos e os cuñados “opinionados”, mais non o somos por levar chichos no cabelo, camisetas de colores ou bonecos de Pokemon, senón porque non queremos a responsabilidade de decidir que facer coa nosa propia vida, o noso propio futuro, e neste caso, o noso consumo. Denegamos o valor do esforzo que supón ter liberdade de escolla. Volvémonos ardentes defensores de políticas liberais e libertarias ao tempo que rexeitamos exercer os poucos milímetros de liberdade que si temos. Preferimos consumir as fantasías que outros nos venden porque crear as nosas propias nos produce terror. Tememos esa dor xerada pola decepción, unha decepción ineludible cando se trata da responsabilidade dun mesmo. Así é que nos deixamos levar polos delirios de outros aos que responsabilizamos coa nosa vida para que chegado o momento, que sempre chega pois nunca todo sae perfecto, dispoñeremos dunha cabeza de turco que cortar con berros revolucionarios e promesas de loitas pola defensa dunha cultura que xa non é nosa, pois fai moito decidimos deixar de soñala.

A cultura está no día a día. Nas pequenas decisións que tomamos en tanto que nos organizamos arredor duns principios. Está nas posibilidades que imaxinamos, pois a cultura flúe, nunca se estanca. Se o que facemos é levar unha vida exactamente igual ao pensamento hexemónico mentres lanzamos ao vento consignas de superioridade moral, non estamos a crear cultura senón ruído.

Se desexamos crear un mundo diferente temos que comezar por escoller o que consumimos, a información que nos chega, as persoas coas que nos comunicamos, máis aínda as que escoitamos e, sobre todo, onde o facemos. Non podemos deixar que os nosos soños se convertan nun ridículo reflexo daqueles fabricados por grandes empresas que decidiron monopolizar os nosos medios de comunicación.

Exercer a liberdade sempre é mellor que falar dela.

#bluesky #comunicación #fediverso #soñar